Acreditación da Experiencia Profesional
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Traballo e Benestar teñen posto en funcionamento o procedemento para recoñecer, avaliar e acreditar, con carácter oficial, as competencias profesionais adquiridas no desenvolvemento do traballo ou por outras vías non formais de aprendizaxe.
Esta acreditación busca pór en valor a experiencia laboral das galegas e dos galegos.
Quérese recoñecer os saberes adquiridos ao longo da vida co fin de facilitar a mellora no mercado laboral e a progresión persoal e profesional.
O obxecto da acreditación de competencias é recoñecer, avaliar e acreditar a competencia adquirida a través da experiencia laboral e outras aprendizaxes non formais.
A finalidade consiste en recoñecer e avaliar as competencias profesionais adquiridas polas persoas no desenvolvemento do seu traballo ou por outras vías non formais de formación, mediante procedementos que garantan a fiabilidade, a obxectividade e o rigor técnico da avaliación, así como acreditar as competencias profesionais adquiridas polas persoas traballadoras e contribuír así á capitalización dos seus saberes e ao fomento da súa aprendizaxe ao longo da vida.
As unidades de competencia constitúen o referente que lles proporciona a identidade profesional ás persoas aspirantes, e fai posible a transformación dos datos procedentes da súa actividade profesional e das aprendizaxes non formais en evidencias de competencia válidas para a avaliación do seu desempeño activo.
A acreditación de unidades de competencia terá os efectos de acreditación parcial acumulable, e terá efectos de exención dos correspondentes módulos dos certificados de profesionalidade e validación dos módulos de títulos da FP.
→ Ollado en: http://www.edu.xunta.es/fp/acreditacion
→ Ollado en: https://ceei.xunta.gal/recursos/temas-de-interese?content=topic_0146.html